CULTURA E ORALIDADE: A NEGOCIACIÓN ENTRE A TRADICIÓN E A TRANSCULTURALIDADE NAS LINGUAS MINORIZADAS

A oralidade é a forma de comunicación e transmisión básica do ser humano. As tradicións orais existiron desde a máis remota antigüidade e, con frecuencia, foron o único medio do que se puideron valer as sociedades carentes de medios de rexistro ou aquelas que por estar marxinadas e/ou reprimidas dependeron en gran medida da oralidade para transmitir unha tradición, unha historia, unha cultura… En definitiva para poder vincular unha comunidade.

Así, oralidade e tradición adoitan presentarse collidas da man pero fronte á esencialista, restritiva e clásica noción de tradición, convencionalmente figurada como estática, inalterable e pretérita, algúns antropólogos suxeriron a necesidade de proceder á resemantización dos seus significados no contexto máis comprensivo que supón a teoría do cambio cultural. De maneira que a tradición sería agora algo así coma o resultado dun proceso evolutivo inacabado con dous polos dialecticamente vinculados: a continuidade recreada e o cambio. A idea de tradición remite ao pasado pero tamén a un presente vivo. Aquilo do pasado que queda no presente iso é a tradición. A tradición sería, entón, a permanencia do pasado vivo, a memoria colectiva, no presente. Supón un proceso e un resultado (Kirshenblattt-Gimblett 2004).

Nas diferentes culturas minorizadas que se enmarcan dentro da Península Ibérica, a tradición oral converteuse en bastión á hora de defender e preservar esas identidades culturais colectivas, fronte ás formas de comunicación masivas que tenden a diluílas nun mundo cada vez máis globalizado. Así, deseñando os seus propios mecanismos para asumir as influencias doutras culturas coas que lles tocou convivir (emigración, inmigración, exilio…) ou coas que escolleron dialogar abrindo paso á transculturalidade ou incluso a glocalidade.

A oralidade non é só cousa do pasado, da avoa ou o avó contando contos aos seus netos xunto ao fogar. A tradición contística segue viva, os combates poéticos dialécticos de regueifeiros, cantadores, corrandistes, glosadors ou bertsolaris enchen auditorios e nútrense de frescura e actualidade, ao tempo que dialogan con novas formas de expresión artísticas e culturais, coma por exemplo o rap. Pero, ademais, a estes xéneros ancestrais súmanse hoxe en día moitas formas novas de oralidade e hibridacións narrativas, poéticas, teatrais, escultóricas… Unha infinidade de fórmulas artísticas que beben dalgún modo da tradición oral. Por outra parte, as novas tecnoloxías e o espazo virtual da Rede cos medios sociais e outros modos dixitais de comunicación e de convivencia constitúen todo un reto para redefinir a oralidade destas novas formas de construción de identidades colectivas inestables e temporais.

Por outra parte, o propio concepto de tradición oral ou de manifestación cultural oral foi cambiando necesariamente ao perder ou variar nalgunhas das súas características definitorias coma, por exemplo, a súa insalvable inmediateza ou ao intervir como parte da performance de distintas disciplinas artísticas.

Con este congreso CULTURA E ORALIDADE: A NEGOCIACIÓN ENTRE A TRADICIÓN E A TRANSCULTURALIDADE NAS LINGUAS MINORIZADAS pretendemos examinar e abrir unha panorámica da oralidade nas culturas minorizadas da Península Ibérica analizando as súas peculiaridades, actualidade  e retos desde unha perspectiva interdisciplinar.

Advertisements